“Primavera enDanza en outono” estrea esta denominación conxuntural con cinco espectáculos de catro compañías galegas e unha madrileña, e que forman parte, na súa maioría, da programación do Concello de Carballo como membro da Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC.
O auditorio do Pazo da Cultura abrirá as súas portas, do 27 de novembro ao 7 de decembro, para converterse no escenario de propostas para todo tipo de público, que van dende a tradición ata a maior expresión de danza contemporánea, pasando pola danza aérea ou espectáculos que recorren ao uso das novas tecnoloxías ou á música en directo para reforzar a súa mensaxe, pero que, en calquera caso, foxen da imaxe de espectáculo minoritario e exclusivo que tantas veces se asocia erroneamente á danza. Este ano, as diferentes montaxes articúlanse arredor dun elemento común, que é a reivindicación da figura da muller, protagonista absoluta desta “Primavera enDanza en outono”.
Entradas
Debido ás restricións sanitarias vixentes, só se poñerán á venda 30 entradas para cada espectáculo. Poderán adquirirse o mesmo día da función na billeteira do Pazo da Cultura dende 60 minutos antes do inicio da actuación. Os prezos son de 4 euros (3 para colectivos con desconto) para as sesións dos días 27 de novembro, 6 e 7 de decembro, e de 5 euros (3,5 reducido), para os días 28 de novembro e 5 de decembro.