Carballo | Primeira xuntanza entre o Concello e as direccións dos colexios antes do comezo do curso

2 minutes read
  • O goberno local únese á solicitude da Fegamp para que a Xunta asuma o sobrecusto da limpeza dos centros directamente ou transferindo os fondos aos concellos

Este luns, representantes do goberno de Carballo e os equipos directivos dos colexios de infantil e primaria do municipio mantiveron unha reunión para abordar as necesidades existentes de cara ao comezo do curso malia que, polo momento, nin o Concello nin os centros escolares recibiron instrucións concretas da Xunta de Galicia, administración responsable tanto en materia educativa coma sanitaria.

Un dos temas centrais da reunión foi o relativo á limpeza dos colexios xa que, segundo o protocolo provisional que figura na páxina web da Xunta de Galicia, este curso deberían realizarse tres limpezas en vez de unha ao día. O alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Contratación, Milagros Lantes, e a de Educación, Mar Eirís, explicaron aos representantes dos centros a situación actual. Precisamente este luns a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do servizo de limpeza a Aspaber UTE, como consecuencia do proceso de licitación iniciado antes da pandemia.

Máis alá do sobrecusto que suporía o cumprimento do protocolo, estimado en máis de 200.000 euros, por parte de Aspaber, representada tamén na xuntanza que tivo lugar no Fórum Carballo, púxose de manifesto a imposibilidade de asumilo “porque non temos persoal». O traballo que implica a maiores o protocolo provisional publicado pola Xunta debería ser obxecto dun novo contrato, que levaría consigo unha serie de trámites administrativos «imposibles de realizar antes do día 10», destacou Milagros Lantes.

O alcalde tamén se sumou ao acordo adoptado pola Fegamp, órgano de representación dos concellos galegos, para que a Xunta de Galicia asuma os sobrecustos da limpeza dos colexios, ben directamente ou ben transferindo aos concellos o financiamento correspondente. Evencio Ferrero criticou que “Galicia foi a única comunidade que non se manifestou a favor dun investimento do Goberno central finalista para educación» e que «a Xunta ten que asumir as súas responsabilidades». Ademáis, Ferrero fixo referencia á falta de datos oficiais de afectados por coronavirus, sinalando que «levamos semanas pedindo datos de incidencia da COVID-19 no noso concello e non os dan, exclusivamente, por estratexia de comunicación».