- O Concello conta cun servizo de mantemento integral da rede viaria de todo o municipio no que traballan operarios municipais e empresas externas.
Segundo información municipal, dos rebacheos só quedan pendentes as parroquias de Ardaña, Rus e Entrecruces, mentres que da limpeza de cunetas só faltan a parroquia de Aldemunde e as zonas altas de Rus e Entrecruces, que quedarán listas nas vindeiras semanas. O obxectivo é completar os dous plans antes de que remate o verán.
Paralelamente, o Concello tamén informa que ten en marcha un novo investimento de 506.904,54 euros para a reparación de vías secundarias nas parroquias de Ardaña, Artes, Berdillo, Bértoa, Carballo, Lema, Oza, Razo e Rus, nun proxecto aprobado na última Xunta de Goberno Local e que se atopa en licitación. O prazo para que as empresas presenten as súas ofertas está aberto ata o 14 de setembro.
Ata o día 1 de setembro tamén poden entregar ofertas para as dúas próximas actuacións que se levarán a cabo dentro do plan de mellora de camiños de uso agrícola e forestal, co-financiado con fondos Agader: camiño de Lamas (Sísamo) e As Pozas-Chacín (Berdillo), cun orzamento total de 78.669,98 euros.