Xuntos Carballo recolleu queixas de organización dos aparcadoiros con motivo do Pequebasket

Cedida.

O secretario local e voceiro da formación Xuntos Carballo M+J, Xesús Deus Gende e o responsable de obras e servizos José Luis Bardanca achegáronse ata a rúa Carballo Calero, para recoller o que calificaron de “inmenso malestar que existe entre a veciñanza de dita zona, en canto á organización do estacionamento por este evento se refire”.

Contan os veciños/as, que “ás nove da mañá fomos chamados aos timbres por parte da Policía Local para retirar os noso vehículos da vía”. “Moitos optaron por estacionar nun aparcadoiro de terra, situado na mesma estrada, pero tamén se lle impediu facelo, polo que tiveron que estacionar moi lonxe dos seus domicilios”, din.

Máis tarde esas prazas foron ocupadas por outros vehículos. “A cidadanía non entende porque  lle mandan liberar o espazo a eles/as e pouco despois eses mesmos sitios volven estar ocupados por outros”. “Pasa todos os anos o mesmo, levántannos ás nove da mañá en festivo, obrígannos a retirar os vehículos e se fas algunha pregunta contéstanche mal, estamos fartos desta situación que acontece por estas datas”.

Para máis, “se colocan os inchables e queres meter o vehículo no garaxe (para quen dispón de praza) tes que circular polo medio dos cativos”, di un dos residentes.

Desde Xuntos Carballo por un mundo máis xusto, “estamos a favor de actos culturais e de lecer que se fagan para a cativada e para a veciñanza en xeral, pero sempre ben organizados, contando e falando cos habitantes das zonas onde se leven a cabo”. “O que non se pode e facer as cousas no mesmo día, sen aviso previo e sen buscar solucións alternativas días antes”.

Ante isto, “pedimos ao Concello que realice unha mellor xestión e organización de eventos pois segundo as queixas recollidas, é moi mellorable”, sinalou Xesús Deus Gende.