- No mesmo emprazamento tamén se habilitou un novo punto de información turística
Poucas bibliotecas poden presumir de ter as mellores vistas do mundo, e unha delas atópase na praia carballesa de Razo. Este verán, ademais de desfrutar dunha xornada de sol, baño e deporte, tamén será posible gozar da literatura dun xeito diferente.
A ‘Praia dos libros’, o novo espazo compartido polas bibliotecas de Carballo e a Oficina de Información Turística, abriu as portas e ventás este venres nun acto ao que acudiron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez; e a futbolista Elena Vázquez, imaxe da campaña de promoción á lectura deste verán.
Esta biblio-praia estará aberta de luns a venres, de 13:30 a 17:30 no mes de xullo e de 13:30 a 16:30 no de agosto, e funcionará co mesmo sistema que as bibliotecas da vila.
No mesmo emprazamento, moi próximo ao posto principal do servizo de salvamento, tamén se habilitou un novo punto de información turística que funcionará de martes a venres en horario de 11:00 a 14:00 e de 15:30 a 18:30 horas; mentres as fins de semana estará operativa de 11:00 a 15:30 horas. A oficina de turismo situada no Museo de Bergantiños continuará prestando servizo de xeito paralelo.