Carballo reabrirá en breve ao tráfico da rúa Concepción Arenal


O alcalde, Evencio Ferrero, acompañado nesta ocasión polo concelleiro Marcos Trigo, realizou este venres unha nova visita ás obras da rúa Concepción Arenal. Os traballos xa están practicamente listos e, segundo lle comunicou a empresa construtora, Vázquez y Reino, ao alcalde, para a vindeira semana está prevista a reapertura da vía.

O Concello de Carballo está a realizar un investimento de 184.525 euros na reurbanización da céntrica rúa, situada entre Vázquez de Parga e Valle Inclán, que tiña uns servizos urbanísticos moi antigos ou inexistentes, beirarrúas moi estreitas e mesmo carecía de paso peonil na esquina con Vázquez de Parga por mor unha edificación e un peche de parcela. Este último, tras acadar un acordo coa propiedade, puido ser derrubado, o que permitiu ampliar o ancho de vía nese treito.

Agora, ademais de dispoñer de redes de auga, saneamento e pluviais, telecomunicacións, gas e electricidade, para mellorar a accesibilidade habilitáronse amplas zonas peonís e un carril de circulación de 3,50 metros, todo en plataforma única. O proxecto completarase coa instalación das luminarias e a plantación de varias árbores.