Carballo recibe 3 Flores de Honra no certame Vilas en Flor


O Concello de Carballo resultou galardoado con 3 Flores de Honra no certame Vilas en Flor en recoñecemento, precisamente, polo traballo realizado na mellora do espazo verde urbano. Carballo participou por primeira vez no concurso, e o xurado destacou a excepcional estrea do concello coas 3 Flores de Honra.

No acto de entrega, celebrado en Caldas de Reis, participaron o concelleiro de Servizos, Luis Lamas; o xefe de servizo da brigada municipal de xardíns, Carlos Iglesias, e a enxeñeira técnica agrícola Carmen Alonso, responsable dos deseños das zonas verdes e de traballos tan importantes como o catálogo de árbores que se está a elaborar na actualidade.

Vilas en Flor Galicia é un programa anual que recoñece en forma de galardóns, chamados Flores de Honra, a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. Vilas en Flor é unha iniciativa de ASVINOR (Asociación de Viveristas do Noroeste), AGAEXAR (Asociación de empresas de xardinería de Galicia) e da Fundación Juana de Vega.