A Deputación da Coruña anunciou este mércores a próxima distribución de 230.000 mascarillas entre os 93 concellos da provincia a través da plataforma loxística Clonegal da Xunta de Galicia. A Carballo corresponderanlle 4.615. Son mascarillas de tipo cirúrxico de triple capa e que contan con certificado CE para produtos sanitarios segundo a directiva europea 93/42/EEC, similares ás que están adquirindo e distribuíndo as distintas Administracións.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, comprometeuse a seguir adquirindo e enviando material de protección aos concellos durante o tempo que sexa preciso, coa finalidade de que poida destinarse a cubrir necesidades tanto entre os profesionais de servizos esenciais municipais coma entre a cidadanía.
O Concello de Carballo leva recibido ata o momento 5.550 mascarillas doutras Administracións: 4.000 enviadas polo Goberno do Estado para repartir en centros de traballo (esta mesma semana), e 1.550 achegadas pola Xunta en varios envíos.
O reparto, que corre a cargo de persoal de Protección Civil e Brigada de Obras, coa colaboración da Cruz Vermella, comezou pola zona costeira e estenderase ao longo desta semana polas distintas parroquias ata completar a zona rural. A continuación farase a distribución na zona urbana.