- A Oficina Técnica Municipal tamén recibiu entre xaneiro e marzo solicitudes de licenza para a construción de 5 vivendas unifamiliares e 2 naves industriais
O Concello de Carballo recibiu no primeiro trimestre deste ano un total de 18 comunicacións previas relacionadas con actividades empresariais, na súa maioría para a posta en marcha de novos e moi variados negocios relacionados co deporte, co sector do automóbil, idiomas, estética, alimentación e educación. Noutros casos o que se tramita é un cambio de actividade ou de titularidade de establecementos, varios de hostalaría.
A actividade empresarial no concello de Carballo non só se reflicte nos datos de actividade, senón tamén nos de obras de construción e renovación. Entre xaneiro e marzo presentáronse no Rexistro Municipal solicitudes de licenza para a construción de dúas naves industriais no polígono de Bértoa, onde só quedan 4 parcelas dispoñibles, e dúas edificacións de uso turístico, en concreto dous edificios de apartamentos en Razo e un almacén e vestiarios para escola de surf na Pedra do Sal.
Dun xeito máis tímido comezou o ano no que se refire a proxectos de edificación residencial. Nestes tres meses presentáronse solicitudes para a construción de cinco vivendas unifamiliares. O ano pasado acadáronse as 31, e ademais tramitáronse licenzas para dous edificios cun total de 22 pisos.