Carballo recicla máis de 4.500 quilos de aceite de cociña usado no primeiro trimestre deste 2021

1 minutes read
  • Isto evitou a contaminación de case 5 millóns de litros de auga

Dende a entrada en servizo do actual sistema de recollida de aceite de cociña usado, en agosto do 2018, a media mensual non parou de medrar alcanzando no primeiro trimestre deste ano 1.515 quilos, case 200 máis con respecto ao 2020. En xaneiro recolléronse 2.290 quilos; en febreiro 945 e en marzo, segundo o resumo emitido pola empresa encargada da xestión de residuos, 1.310 quilos. En total, nestes primeiros meses a veciñanza de Carballo reciclou 4.545 quilos que evitaron a contaminación de case 5 millóns de litros de auga.

Nestes momentos hai 30 puntos de recollida distribuídos por todo o concello. Unha das vantaxes deste novo sistema é que os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días do ano e as 24 horas do día.

A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares. As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas. Para facilitar o depósito, desde o Concello de Carballo ofrecen á veciñanza funís adaptables ás botellas que poden solicitarse, de balde e ata fin de existencias, na Casa do Concello (departamento de Medio Ambiente).