Carballo recolleu 13.560 quilos de aceite en 2019

1 minutes read

Segundo os datos facilitados polo xestor autorizado que presta o servizo ao Concello, a veciñanza de Carballo depositou nos colectores específicos un total de 13.560 quilos de aceite de cociña usado, o que permitiu evitar a contaminación de 14.916.000 litros de auga.

Nestes momentos hai 22 puntos de recollida, a maior parte distribuídos polos distintos barrios do casco urbano. Pero a experiencia piloto iniciada en Razo, Pedra do Sal e Berdillo tamén se estende polas parroquias a petición da veciñanza, e nestes momentos tamén hai contedores en Ardaña e Sísamo. Nos vindeiros días está previsto seguir ampliando o servizo con seis novos colectores.

Unha das vantaxes deste novo sistema é que os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días do ano e as 24 horas do día. A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares. As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas.

Para facilitar o depósito, desde o Concello de Carballo ofrecen á veciñanza funís adaptables ás botellas que poden solicitarse, de balde e ata fin de existencias, na Casa do Concello (departamento de Medio Ambiente).