Carballo recupera a figura de Xesús San Luís Romero a través dun documental

O Concello de Carballo presentou o primeiro documental sobre a figura de Xesús San Luís Romero, un traballo que recolle testemuños, imaxes, literatura, historia e escenarios que permiten realizar un percorrido o máis aproximado posible pola vida e pola obra do ilustre autor carballés. A película, de case media hora de duración, foi producida por Nós Televisión, e o sábado 17, ás 21.00 horas, emitirase no dial 119 de R.

Este venres houbo unha pre-estrea no CEIP Xesús San Luís Romero, que colaborou activamente na gravación e que protagoniza boa parte da mesma. No acto participou todo o alumnado de primaria, así coma o profesorado, o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo. A directora do centro, Marisa López, agradeceu as iniciativas que se veñen realizando dende o Concello de Carballo para recuperar a memoria de Xesús San Luís, moi especialmente neste ano do 150º aniversario do nacemento do autor na carballesa rúa da Saúde, e volveu a reivindicar un Día das Letras Galegas para o autor de «O fidalgo».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha