- Abre tamén o Punto Limpo do Polígono de Bértoa e o Cemiterio Municipal cos horarios habituais
A comisión municipal de seguimento da evolución do COVID-19 de Carballo reuniuse este luns para autorizar as feiras e mercados tradicionais que se celebran os xoves e os segundos, cuartos e quintos domingos de mes na Praza do Concello, pero unicamente para a venda de produtos da horta, alimentación e flores. As accións permitidas na Fase 0 do Plan de Desescalada non afectan ao Campo da Feira da Milagrosa, polo que seguirá prohibida a instalación de postos ambulantes.
A celebración das feiras e mercados realizarase con novas normas, adaptadas á situación de crise sanitaria que estamos a vivir. Por parte da Oficina Técnica Municipal estableceranse corredores e unha nova distribución dos postos que garantan o cumprimento das distancias de seguridade e, neste sentido, prégase a colaboración de todos para poder evitar contaxios.
O Mercado Municipal continuará aberto ao público co horario establecido dende o inicio do estado de alarma, de 08:00 a 15:00, e tamén coas condicións de hixiene e seguridade que se veñen aplicando dende o primeiro momento. A limitación do aparcamento na zona azul seguirá suspendida.
Ademais das medidas relativas ás feiras e mercados, a comisión de seguimento tomou tamén a decisión de reabrir dous servizos municipais nos seus horarios habituais: o Cemiterio Municipal e o Punto Limpo do polígono de Bértoa, no que xa poderán depositarse os residuos voluminosos.