- A escola unitaria de Cances abrirá as súas portas despois dunha reforma integral
A Concellaría de Educación do Concello de Carballo reforzou este verán os labores anuais de posta a punto dos centros escolares para contribuír á prevención da COVID-19. Nesta liña enmárcanse as accións de desinfección, desinsectación e desratización que se levaron a cabo en todos os colexios e escolas unitarias, xunto coa limpeza dos areeiros ou os controis da calidade da auga.
Pero este ano tamén se acometeron outros traballos á proposta dos equipos directivos, como a apertura dunha nova porta de acceso ao CEIP Bergantiños. Nesta actuación colaborou o alumnado dos cursos de formación ocupacional que se imparten no Fórum, que tamén fixo un novo portalón no CEIP Nétoma-Razo.
No CEIP Xesús San Luís Romero, que xa introduciu o ano pasado o uso de zapatillas entre o alumnado de Infantil despois da instalación de tarima flotante nas tres aulas, amplíase este ano a medida á aula de música e á biblioteca, favorecendo deste xeito que a rapazada use un calzado diferente dentro e fóra do colexio.
Obras en marcha
Nestes momentos están en marcha dous proxectos que supoñen un investimento superior aos 100.000 euros. Por unha banda estase a traballar nas obras de reforma do pavillón polideportivo do CEIP Fogar coa finalidade de mellorar a accesibilidade e a seguridade dende a rúa. Por outra, iniciaranse as actuacións para crear novos aseos no pavillón do CEIP A Cristina.
Reforma integral en Cances
A escola unitaria de Cances abrirá as súas portas cunha imaxe distinta despois de sufrir unha reforma integral que supuxo un investimento de case 18.000 euros.
A concelleira de Educación, Mar Eirís, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, achegáronse ata a escola para ver o resultado das obras.