Carballo reforza o servizo de limpeza dos colexios debido ás novas necesidades sanitarias

1 minutes read
  • O goberno municipal segue á espera da comunicación oficial do protocolo por parte da Xunta de Galicia

O Concello de Carballo axustará o servizo de limpeza dos colexios ao protocolo que estableza a Xunta de Galicia, que polo momento non realizou ningunha publicación oficial ao respecto. O alcalde, Evencio Ferrero, considera que na situación actual non debe primar “o criterio economicista, senón o sanitario e o pedagóxico” e, nese sentido, dende o Concello de Carballo adoptaranse todas as medidas precisas para dar resposta ás actuais necesidades sanitarias.

O rexedor quixo deixar constancia este venres de que modificar un contrato como o do servizo de limpeza require “ter algunha resolución publicada no DOG ou comunicada oficialmente, e a día de hoxe non hai nada publicado sobre a limpeza » Desde a administración local entenden a necesidade de adoptar novas medidas «pero se iso conleva modificacións contractuais a Administración correspondente debe comunicalo, sobre todo cando faltan só cinco días para que comece o curso escolar».