- En Ponteceso impartíronse charlas sobre a igualdade entre o alumnado do CEIP As Forcadas de Corme
Este xoves quedaron instalados na localidade carballesa grandes paneis que reivindican a Carballo como un concello libre de violencias. Con motivo do 8M, Día da Muller, o goberno local leva realizando durante toda a semana varias actividades para fomentar a igualdade e, neste caso, procedeu á colocación de grandes paneis multicolor nas principais vías de acceso á vila. Os tres primeiros están situados nas estradas de Coristanco, Malpica e Cerceda, e nas vindeiras semanas instalaranse tamén nos accesos dende A Coruña e Santiago.
Os paneis, creados polo deseñador gráfico carballés Oti Fernández, inclúen varios elementos moi simbólicos coma o arco da vella, o corazón en multicolor de «Eu quero a Carballo» e o logotipo do Concello de cor morada.
Estes novos elementos da sinalización urbana súmase así á iluminación da Casa do Concello ata este domingo, ou a creación dunha ruta urbana polas rúas dedicadas ás mulleres entre outros.
Charlas sobre a igualdade nos colexios de Ponteceso
Con motivo do Día Internacional da Muller, e como parte dos actos organizados por esta data, representantes do Concello de Ponteceso acudiron ao CEIP As Forcadas de Corme e ás escolas unitarias para realizar uns obradoiros sobre igualdade co alumnado.
Ademais das charlas, cada neno e cada nena recibiu un neceser cunha frase conmemorativa.
