- Nos últimos anos acondicionáronse 12 quilómetros de vías cos fondos do plan Agader
O Concello de Carballo realizou un investimento de 60.000 euros na mellora de 2.175 metros de camiños de uso agrícola e forestal. O rexedor, Evencio Ferrero, e os concelleiros Luis Lamas e Maruxa Suárez visitaron este xoves parte do treito acondicionado pola empresa Excavaciones y Obras Candal. En concreto interveuse en dúas vías das parroquias de Rus e Sísamo dentro do plan da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para facilitar as tarefas agrícolas e forestais.
Os traballos consistiron en adaptar o firme ás características do tráfico que soportan os camiños, mellorar a seguridade viaria, a integración ambiental e a sinalización, mantendo o trazado existente. Na parroquia de Rus actuouse no camiño que vai do lugar de Ferrol á AC-400, mentres que en Sísamo se acondicionou a vía entre Ramil e Figueroa.
Nos últimos anos o Concello de Carballo acondicionou 12 quilómetros de vías de uso agrícola e forestal en distintas parroquias cos fondos do plan Agader.