Carballo rende homenaxe a Alberto Gende no 10º cabodano do artista

2 minutes read
  • Este venres inaugurarase unha mostra no Pazo da Cultura. Os beneficios das vendas da primeira tirada irán para a AECC local

Alberto Gende. Encher o baleiro é o nome da exposición que se inaugurará este venres, ás 19:30 horas, no Pazo da Cultura de Carballo con motivo do décimo cabodano do artista carballés. A mostra é unha retrospectiva da obra de Gende ao longo de 25 anos e un percorrido por unha vida ligada á beleza do traballo que «o converteu nun creador imprescindible para entender a cultura carballesa recente e un dos nomes imprescindibles do deseño galego», sinalan desde o Concello. Gran parte dese material está recollido no libro do mesmo título asinado por dous dos irmáns do homenaxeado, Juan Félix e Xurxo. Esta obras tamén se presentará na apertura da mostra, na que se exhibirán cadros, deseños, fotografías e obxectos persoais relacionados co artista.

Tanto o libro como a exposición abarcan unha selección da extensa obra de Alberto, desde o seu primeiro cartel, de 1987, ata o seu último deseño, días antes do seu falecemento, en marzo de 2012. Juan Félix Gende destacou que para reunir todo este material tiveron que «escanear documentos, negativos e diapositivas do arquivo persoal de Alberto desde a súa época de estudante e rescatar arquivos dixitais de antigos ordenadores, disquetes e discos duros».

Para contextualizar toda a documentación, o libro, de 326 páxinas, conta con textos do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, de Xurxo Chapela e de Juan Manuel Monterroso Montero, profesor titular do Departamento de Historia da Arte de Universidade de Santiago de Compostela.

Á homenaxe súmanse Mara Pérez e Alberto Vecino, de Chicharrón, que serán os encargados de poñer a banda sonora; Diego Gende, ex de Chicharrón e irmán de Alberto; Luis Mosteiro, ex de Hijos de Rivera; e a poeta Rosalía Fernández Rial. Colabora no mobiliario e decoración da exposición a galería de arte Manolo Eirín.

Os beneficios da venda da primeira tirada irán destinados á Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro.