Carballo rende homenaxe ás mulleres artesás cun mercado especial

1 minutes read
  • O 2º andar do mercado municipal acollerá este evento os próximos 13 e 14 de novembro

A próxima fin de semana, 13 e 14 de novembro, o mercado municipal de Carballo acollerá o Mercado de Mulleres Artesás, un evento co que se renderá homenaxe a este colectivo a través dun programa coa artesanía e a música tradicional como protagonistas, pero tamén con actividades para os máis pequenos. O obxectivo deste mercado é «poñer en valor e reivindicar o gran labor que levan facendo dende sempre as mulleres artesás, e tamén ver como as novas xeracións seguen tomando o relevo destas profesións, adaptándose aos novos tempo», sinalan desde a organización.

O 2º andar do mercado municipal converterase nunha mostra de artesanía e deseño nunha viaxe pola tradición de palilleiras, redeiras ou sancosmeiras, pero no que tamén haberá cabida para ver a evolución do sector e os seus vimbios de futuro. Todos os postos terán mulleres á fronte, incluíndo a cinco de Carballo: Marilá Gómez Caamaño con olería, Isabel Andrade con xoiería, Rakelúa con coiro, Vivo Macramé (Nuria Varela) con macramé e Amigurumicri con crochet. En total serán arredor de 30 artesás que porán á venda e amosarán o seu traballo ao público entre as 12:00 e as 21:00 horas.

A cita complétase con numerosas actividades paralelas como unha exposición fotográfica, sesión vermú, actuacións musicais tradicionais e a cargo de DJs, poesía ou obradoiros de trenzado.

Ademais, aproveitando a proximidade das datas de Nadal, a Cruz Vermella Carballo contará cun posto propio no mercado para recoller alimentos non perecedoiros e xoguetes.