O Concello de Carballo está a realizar un investimento de 111.383,40 euros na renovación das pasarelas de madeira a través das cales se realizan os accesos ás praias de Razo e Pedra do Sal, así coma aos postos de salvamento e socorrismo ou, no primeiro caso, tamén á bibliopraia e ao miradoiro. O proxecto inclúe, ademais, a renovación de case cen metros de varandas.
O alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Servizos, Medio Ambiente, Praias e Protección Civil, Miguel Vales, visitaron este venres as obras, que executa a empresa Jardinería Arce. Na praia de Razo, ademais da instalación das novas pasarelas, construirase un novo miradoiro, de 6,50 x 2,50 metros, coa súa varanda correspondente.
As novas pasarelas de Razo e Pedra do Sal terán entre dous e tres metros de ancho, e serán de pino tratado en autoclave. En total colocaranse 650 metros, e, como novidade, nas dúas praias colocaranse pasarelas enrolables, tamén de madeira, que ofrecen flexibilidade, adaptabilidade ao terreo irregular e facilidade de uso, ademais de proporcionar un acceso seguro e cómodo, e de ser fáciles de instalar e de almacenar.
As obras que realiza o Concello de Carballo coinciden coas que está levando a cabo tamén o Ministerio para a transición ecolóxica e o reto demográfico, a través da Demarcación de Costas, cun investimento de 1,4 millóns de euros. O obxectivo das actuacións en marcha é frear a erosión dos noiros e mellorar a calidade ambiental do espazo natural de Razo-Baldaio.