Carballo repartirá máis de 8.000 euros en premios o domingo de Entroido

1 minutes read

O Entroido volve a Carballo con toda a forza e máis ganas ca nunca. O domingo 19 de febreiro terá lugar o tradicional desfile e concurso de disfraces, comparsas e carrozas, que encherá de animación a Praza do Concello e as rúas do centro urbano a partir das 18.00 horas.

O concurso de disfraces de Carballo repartirá máis de 8.000 euros entre premios e gratificacións. Non perdas de vista a páxina web nin as redes sociais do Concello de Carballo, porque moi pronto abrirá o prazo de inscrición. As comparsas e carrozas poderán anotarse dende o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP) ata o 15 de febreiro. As inscricións poderán realizarse a través do rexistro xeral ou dos rexistros auxiliares do Concello de Carballo así coma na sede electrónica (https://sede.carballo.gal/sxc/gl/?idioma=gl).

No caso de grupos, parellas e participantes individuais, o prazo alóngase ata o día 19, e as inscricións tamén poderán facerse o mesmo día do concurso, entre as 16.00 e as 17.00 horas, na Praza do Concello.