- Este martes celebrouse o de Entrecruces, o primeiro tras dous anos de parón debido á pandemia; e este xoves, ás 20.00 horas, terá lugar o de Rus no centro social
En Carballo volveron activarse os consellos parroquiais tras dous anos de parón debido á pandemia. O primeiro desenvolveuse este martes en Entrecruces e «con moita participación», sinalan desde o goberno local, ao participar unhas trinta persoas. Foi no centro social, no que tamén se van recuperando pouco a pouco outro tipo de actividades.
O alcalde, Evencio Ferrero, informou á veciñanza sobre a aprobación do proxecto de abastecemento de auga a Entrecruces, que está pendente dos informes sectoriais para poder iniciar o procedemento de contratación e executar a obra o ano que vén. O investimento acada os 530.000 euros.
Na xuntanza tamén participaron representantes de todos os grupos da corporación municipal, así como do movemento asociativo da parroquia e veciños e veciñas a título individual. Por parte da veciñanza presentáronse solicitudes de distintas actuacións, fundamentalmente de limpeza de vías, alumeado, xestión de residuos, posta a punto de elementos etnográficos e acondicionamento de espazos de ocio para a infancia e maiores. Outra cuestión, que ademais se repite en varios consellos, é o control da actividade madeireira dados os danos que provocan os vehículos nos camiños.
Este xoves reunirase o consello parroquial de Rus ás 20.00 horas. As próximas xuntanzas serán nos centros sociais de Verdillo, o día 19; Ardaña, o 24; Imende (consello parroquial de Noicela-Rebordelos), o 26, e Vilela, o 31.