Carballo | Retomadas as obras de ampliación do camposanto municipal

Obra cemiterio municipal_Concello de Carballo

  • Tras un parón polo Nadal, a construción de máis nichos prosegue grazas á chegada de novo material

Volve a actividade ao cemiterio municipal de Carballo grazas á chegada de máis material para a construción de novos nichos. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, visitaron o lugar para comprobar o avance das obras tras un parón polo Nadal.

Esta é a primeira fase do proxecto de ampliación do camposanto, adxudicada por 647.008,93 euros á empresa Vázquez y Reino. Está prevista a creación de 720 nichos e 96 columbarios, aínda que o proxecto completo inclúe nove bloques de nichos e cinco de columbarios. A disposición dos nichos será en catro alturas, e os acabados, en pedra natural, mantendo o modelo existente. En total está prevista a construción de 456 panteóns con 1.824 nichos e de 256 columbarios distribuídos en 64 columnas.

Tamén se instalará, de acordo coa lexislación autonómica sobre sanidade mortuoria, un forno incinerador para a eliminación de roupas, útiles, madeiras e demais residuos procedentes da evacuación e limpeza de sepulturas ou do propio cemiterio. A intervención complétase coa urbanización da contorna, mediante a pavimentación das rúas que comunican os bloques de nichos e columbarios, a instalación de bancos, luminarias, papeleiras e billas.