Carballo | Retomados os cursos para facilitar aos maiores o manexo dos teléfonos móbiles

Cedida.

Este 13 de setembro comezou na parroquia de Noicela un novo curso para facilitar ás persoas maiores o manexo dos teléfonos móbiles intelixentes. A Concellaría de Terceira Idade retoma deste xeito unha actividade que tivo moitísima demanda na súa primeira edición, no ano 2019, e que se recupera despois da pandemia.

Tras os celebrados en Sofán e Lema, este martes arrinca un novo curso no centro social de Imende, no que participan 15 veciñas e veciños das parroquias de Noicela, Rebordelos, Lema e Vilela. Neste caso as prazas están completas, pero no caso de que existise máis demanda organizaríase un segundo grupo. Da formación encárgase, unha vez máis, voluntariado da Cruz Vermella de Carballo.

O obxectivo da Concellaría de Terceira Idade, organizadora desta iniciativa, é que todas as persoas maiores que o desexen poidan mellorar as súas destrezas no manexo dos smartphones. Por iso, o prazo de inscrición está aberto de xeito permanente. As persoas interesadas poden anotarse de xeito telemático a través da páxina web www.carballo.gal e tamén de forma presencial na Biblioteca Rego da Balsa ou poñéndose en contacto co seu consello parroquial de referencia.

Despois do curso en Imende, os días 13, 14 e 20, o xoves 22 comezará outro en Carballo, no mesmo horario de 16.00 a 18.00 horas, na Biblioteca Rego da Balsa. Poderán asistir veciños e veciñas de calquera parroquia. As persoas interesadas deben inscribirse canto antes.