A Asociación de irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain organiza, despois de cinco anos dende a última visita, o esperado reencontro, adiado por mor da pandemia, coa vila francesa de L’Isle Jordain, coa cal está irmandado o concello carballés.
Será unha ocasión excepcional para mergullarse, dos pés á cabeza, na riqueza da cultura francesa participando nesta viaxe, cuxa saída terá lugar o día 30 de xuño mentres que o regreso está previsto para a xornada do 05 de xullo. Estas datas coinciden ademais coa celebración do Festival Occitano “Escota e Minja”, unha das grandes citas culturais da rexión.
Participar nun intercambio en L´Isle Jourdain (Francia) é vivir unha experiencia memorable. Cando se participa nunha viaxe deste tipo, dende o primeiro momento que se chega ao destino, non es un turista, pasas a ser un máis “na familia” e iso é clave para coñecer realmente a cultura do país, indican dende a Asociación de Irmanamento.
Esta nova expedición está aberta persoas de todas as idades que queiran gozar desta experiencia de intercambio enriquecedora. Iso si, as persoas menores de idade deberán de ir acompañadas dun adulto. A viaxe realizarase en autobús dende a vila carballesa e terá un custe por persoa de 180€.
As prazas, que xa se empezaron a cubrir, son limitadas. Pódense reservar poñéndose en contacto coa Asociación de Irmanamento a través do número de teléfono: 652 14 19 80.