Carballo | Reunión da comisión de seguimento da covid-19


  • Carballo atópase dende o 24 de xullo no nivel alto de restricións establecidas pola Xunta de Galicia ante o aumento da incidencia da COVID-19.

O alcalde, Evencio Ferrero, amosou a súa preocupación pola evolución da pandemia e polas repercusións que o aumento de contaxios pode ter na economía local. O cambio de nivel afectou fundamentalmente ao sector da hostalaría, no que se reducen os aforos, e tamén ás atraccións de feira. De feito, dende a Concellaría de Feiras e Mercados tíñanse organizadas para este verán varias zonas destinadas á venda ambulante temporal, pero xa non puideron empezar a funcionar.

O concelleiro de Feiras e Mercados, Mobilidade e Seguridade, Juan Seoane, que foi un dos asistentes á comisión de seguimento da COVID-19, lamentou que a situación impida que un sector con tanta presenza no noso concello poida recuperar a actividade.

Por parte dos corpos de seguridade e emerxencias presentes tamén se fixo un repaso do cumprimento das medidas vixentes.

O coordinador de Protección Civil, Javier Souto, explicou que nas praias estase aplicando o mesmo protocolo que o verán pasado, cun elevado grao de cumprimento por parte das persoas usuarias. As mensaxes de prevención reitéranse a través da cartelaría e a megafonía, e, dadas as dimensións e as características das propias praias, non hai dificultades para o cumprimento dos aforos e as distancias.

O control do ocio nocturno é nesta época do ano un dos principais obxectivos. Neste sentido, dende a Garda Civil adquiriuse o compromiso de intensificar a presenza das patrullas na zona costeira, sobre todo en Razo.

Así mesmo, tanto Garda Civil coma Policía Local vixilarán os botellóns en distintos puntos do concello nos que se ten detectado a súa celebración e o cumprimento dos horarios de peche e dos aforos nos locais de hostalaría. A este respecto, o xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, xa contactou cos locais das zonas urbanas con maior concentración de establecementos para que reducisen as mesas das terrazas ao 50% vixente e para que non as coloquen pegadas ás fachadas.