Na inauguración da exposición itinerante “50 anos sen troles”, iniciativa da Asociación Cultural Lumieira e o Concello de Carballo, estiveron presentes representantes dos catro concellos polos que transcurría a liña, os alcaldes da Laracha, José Manuel López, e Arteixo, Carlos Calvelo, ademais do carballés Evencio Ferrero; así coma o concelleiro de Mobilidade da Coruña, Juan Díaz Villoslada. Abriu o acto a concelleira carballesa Belén Lendoiro lembrando a relevancia do trolebús “para o desenvolvemento dos catro concellos polos que pasaba”. O historiador Xan Fraga, lembrou a todo o persoal que traballou nos Trolebuses Coruña-Carballo e dun xeito especial ao seu fundador, Enrique Sánchez Rodríguez, e á súa familia, parte dela presente no acto. Fraga subliñou que Carballo, xunto con Bilbao e Barcelona, foron os primeiros lugares de España en contar con liña de trolebús, e que a estrada Carballo-A Coruña foi a primeira electrificada de todo o Estado. O alcalde de Carballo, Evencio ferrero, pechou o acto, lembrou os tempos nos que se desprazaba á Coruña a diario en trolebús para estudar, e destacou que Carballo, A Laracha, Arteixo e A Coruña foron concellos pioneiros no seu momento grazas “ao empresariado que apostou decididamente por Carballo, e en especial a Enrique Sánchez”, aos que expresou publicamente o seu recoñecemento.
43