Un veciño de Carballo, multireincidente en actos similares e cun amplo historial delictivo, foi detido a primeira hora da madrugada deste xoves na céntrica rúa Vázquez de Parga da capital de Bergantiños. O suxeto estaba a perpetrar un roubo cando foi sorprendido por axentes de servizo da Policía Local e da Garda Civil. O home ía encapuchado para tratar de pasar desapercibido, non opuxo resistencia e foi trasladado pola autoridade aos calabozos do cuartel para ser posto a disposición xudicial.
Ferido nunha liorta
A poucos metros de onde se cometeu o anterior delito, unhas horas antes, un veciño de Carballo tamén vello coñecido das forzas de seguridade, resultou ferido tras unha liorta acontecida á altura do número 11 da rúa Vázquez de Parga. Axentes da Policía Local foron os primeiros en auxiliar a esta persoa, instruíron dilixencias e solicitaron unha ambulancia para o seu traslado ao centro médico de referencia.