- A iniciativa, na que colaboran as concellarías de Festas e Servizos, presentouse este luns coincidindo coa celebración de San Antón en Vilar de Francos
Outro ano máis, o Concello de Carballo colabora coas comisións de festas en cuestións de loxística como a colocación de vallas, o acondicionamento do campo onde se celebra a verbena ou a instalación de colectores para o lixo. Neste último caso, a solicitude sempre foi xenérica pero a partir de agora as asociacións deberán especificar que contedores precisan.
O obxectivo, segundo explica a concelleira de Festas, Maruxa Suárez, nunha carta que se entrega ás comisións no momento de facer a solicitude, é que «as nosas festas sexan máis sostibles». E isto é posible, entre outras cousas, achegando os contedores correctos. «Sabemos que é algo que vai supoñer un esforzo, pero o noso medio ambiente ben o merece», afirmou a edila.
A iniciativa tivo moi bo arranque como puido verse este luns na parroquia de Artes. Aproveitando a celebración do San Antón en Vilar de Francos, a concelleira de Festas e o concelleiro de Servizos, Luis Lamas, presentaron esta nova experiencia acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero; persoal do servizo de recollida de lixo e membros da comisión de festas. «Queremos dar un paso máis e aproveitar as festas, que son lugares de concentración de moitas persoas, para realizar tamén unha campaña de sensibilización», indicou Luis Lamas. Nese sentido, os colectores teñen unha identificación específica coa imaxe da campaña e o tipo de residuo que debe depositarse en cada un deles.
Na carta dirixida ás comisións de festas tamén se lembra que a nova Lei de Residuos prohibe a utilización de vasos de plástico dun só uso.