Carballo segue prestando apoio técnico a outros concellos en materia de xestión de residuos

Concello de Carballo

  • Persoal municipal desprazouse este mércores ata Oroso para analizar a xestión da materia orgánica

O asesor técnico de Medio Ambiente do Concello de Carballo, Santiago Andrade, desprazouse este mércores ata Oroso para analizar a xestión da materia orgánica nese concello de cara á posible posta en marcha dun programa de compostaxe. Unha visita que xa se realizara á inversa no mes de maio cando membros do equipo de goberno de Oroso visitaran a localidade carballesa por ser referencia en toda Galicia en materia de xestión dos residuos sólidos urbanos e, moi especialmente, na compostaxe.

En liña coa Estratexia Española de Economía Circular, a nova Lei de Residuos e Solos Contaminados obriga a todas as entidades a reducir gradualmente os residuos. Tamén establece un calendario de implantación da recollida separada de biorresiduos domésticos; a partir deste ano para concellos con máis de 5.000 habitantes e a partir do 2024 para todos os demais. Isto obriga a todos os gobernos municipais a adoptar plans de xestión como o que ten implantado Carballo desde hai anos.

Na localidade bergantiñá prestouse asesoramento técnico a varios concellos galegos como Barreiros, Cedeira, Ponteareas, O Rosal ou Tomiño; e teñen pendente responder á petición de apoio realizada polo municipio de Santiago de Compostela.