- O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo, realizaron unha visita a esas obras, que marcan o inicio da reordenación integral do ámbito dos Baños Vellos.
Na rúa Bos Aires renóvanse todos os servizos urbanísticos, eliminando as canalizacións de fibrocemento e os tendidos aéreos e introducindo novos servizos, ademais de mellorar a accesibilidade mediante a creación dunha plataforma única. A estes dous obxectivos, comúns a todas as obras viarias que se están a executar na zona urbana, súmase neste caso un elemento diferenciador introducido pola arquitecta carballesa María Vázquez Esmorís no seu proxecto, que é a incorporación, xunto co mobiliario urbano e o axardinamento, de xogos infantís e de elementos coma un corazón colector de tapóns.
Na rúa Perú, paralela á anterior. A actuación desenvólvese no treito comprendido entre a rotonda do cruce coas rúas Ponte e Poñente e a rúa Ourense, o que supón uns 150 metros lineais. O proxecto tamén permitirá eliminar as tubaxes de fibrocemento, ademais de separar as canalizacións de augas pluviais e residuais, soterrar os tendidos e implantar novos servizos. Debido á densidade do tráfico, nesta vía óptase pola construción de beirarrúas e calzada a distintos niveis. As incorporacións ás rúas Estrela e Chile resolveranse con “isletas”.
Segundo informan desde o Concello, este mesmo ano acometeranse tamén as obras de reurbanización das rúas Pontevedra, Ourense e Baños Vellos, e a máis longo prazo inclúense tamén as rúas Estrela, Lugo e Chile, entre outras actuacións nese ámbito.