Carballo, segunda cidade máis sostible de España, segundo a Fundación Fórum Ambiental

2 minutes read
Luis Lamas, concelleiro de Obras e Servizos, na compaña da concelleira de Planificación e Contratación, Milagros Lantes, e o alcalde, Evencio Ferrero_Cedida.

O concelleiro Luis Lamas recolleu este xoves en Madrid o distintivo outorgado ao Concello de Carballo como finalista do prestixioso Premio Ciudad Sostenible, que organiza dende hai 18 anos a Fundación Fórum Ambiental, co apoio doMinisterio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e a colaboración de Ecoembes, como recoñecemento aos concellos de todo o Estado que apostan por proxectos e actuacións dirixidas a fomentar a sustentabilidade.

Os premios corresponden á convocatoria do ano 2019, pero o acto non puido celebrarse antes por mor da COVID-19. No evento, celebrado na sede do ministerio, participaron Hugo Morán, secretario de Estado de Medio Ambiente; Ramón Roca, presidente da Fundación Fórum Ambiental, e Begoña de Beita, directora de Relacións Externas de Ecoembes, xunto con representantes dos concellos distinguidos.

O premio á cidade máis sostible correspondeu a Málaga polo proxecto “Málaga ciudad sostenible”, que inclúe máis de 70 accións realizadas nos últimos anos para posicionar ao municipio andaluz como un referente en sustentabilidade. Carballo, como finalista, convértese no segundo concello máis sostible do Estado, entre os preto de 500 aspirantes. O xurado valorou moi positivamente o proxecto “De Carballo limpo a Carballo sostible”, un plan de acción de mellora sostible con obxectivos como a mellora da mobilidade, a participación cidadá, a limpeza e a xestión de residuos mediante un sistema de integración laboral de persoas con discapacidade intelectual e cunha folla de ruta que permita no ano 2030 conseguir que Carballo sexa un concello autosuficiente e consecuente coa economía circular.

O goberno municipal quixo agradecer a concesión do galardón nun acto no que participaron, ademais do propio concelleiro de Obras e Servizos, a concelleira de Planificación e Contratación, Milagros Lantes, e o alcalde, Evencio Ferrero.

Luis Lamas regresou moi satisfeito da acollida que tivo por parte do xurado a política medioambiental do Concello de Carballo e dun premio que non se refire a un aspecto concreto senón á globalidade do traballo que se está a desenvolver dende o ano 2003.

O alcalde, pola súa banda, destacou que un aspecto que fala da importancia do premio é a propia composición do xurado. “Debemos amosar o noso orgullo, e a satisfacción de ver recoñecido o importante esforzo que se está a realizar. O noso agradecemento á cidadanía de Carballo, que o fai posible”.

O xurado estivo integrado polas seguintes entidades e institucións:

  • Ministerio de Transición Ecolóxica
  • Junta de Andalucía
  • Generalitat Valenciana
  • Junta de Castela e León
  • Gobierno de Canarias
  • Xunta de Galicia        
Premiados.