Carballo | Seis restaurantes acollen en prácticas ao alumnado da Escola Municipal de Hostalaría

1 minutes read
  • Catro estudantes teñen xa un contrato de traballo, polo que se lles validarán as prácticas

Pementa Rosa, Raxería Río Sil, As Garzas, O Muíño, Furna Atlántica e A Cunca son os seis restaurantes da comarca nos que completarán a súa formación os alumnos e alumnas da Escola Municipal de Hostalaría. O período de prácticas abrangue un total de 240 horas lectivas, distribuídas en 40 horas semanais dende o 9 de xullo ata o 19 de agosto.

Aínda que o curso contou con 15 alumnos e alumnas, non todos puideron rematalo por diferentes motivos. Catro deles xa conseguiron traballo como cociñeiros/as en distintos establecementos e xa teñen as prácticas validadas.

O segundo curso da Escola Municipal de Hostalaría estivo marcado pola crise sanitaria provocada pola COVID-19, que obrigou a suspender a actividade lectiva en marzo. Finalmente a formación retomouse en abril a través do comedor solidario, no que participou voluntariamente o 100% do alumnado. Entre a última semana de abril e o 19 de xuño, preparáronse 1.992 menús compostos por un primeiro e un segundo, é dicir, 3.984 pratos.