- Ao longo deste ano proxectaranse as películas máis destacadas do audiovisual galego actual
Carballo volve a converterse nun centro de referencia audiovisual ao ser o único concello da Costa da Morte incluído no circuíto de proxeccións do ciclo Mestre Mateo, que achegará o máis destacado do cinema galego actual a un total de 19 localidades da comunidade autónoma.
A concellaría de Cultura sumouse á iniciativa, promovida pola Academia Galega do Audiovisual co apoio das catro deputacións provinciais e da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, para «facilitar o acceso da veciñanza do noso concello e tamén de toda a contorna ao cinema galego máis actual, poñendo en valor deste xeito o talento creativo do sector audiovisual, favorecendo o achegamento á nosa cultura e ao noso idioma a través do cine e contribuíndo á diversificación da oferta cultural».
O gran camiño será a película encargada de inaugurar as proxeccións do ciclo Mestre Mateo, formado por oito sesións con periodicidade mensual, o venres 1 de abril, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura.
Trátase dun documental dirixido por Alba Prol e Raúl García que narra a súa experiencia percorrendo a pé as grandes rutas do mundo. Finalista dos XX Mestre Mateo na categoría de Mellor documental, e seleccionado e premiado en máis dunha vintena de certames internacionais, o filme foi recentemente recoñecido co Premio Abanca ao impulso da sostibilidade que outorga a Academia Galega do Audiovisual.