Carballo será sede dun curso de mestría en compostaxe para persoas desempregadas

1 minutes read

Carballo acollerá un dos seis cursos profesionais de compostaxe que levará a cabo a oenegué Amigos da Terra en Galicia e Madrid coa finalidade avanzar na transición ecosocial. A iniciativa, incluida no programa Empleaverde da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica, conta co financiamento do Fondo Social Europeo e coa colaboración do Concello de Carballo.

O curso, que se desenvolverá do 3 ao 14 de outubro, é gratuíto e está destinado a persoas desempregadas. Nesta segunda edición, a organización ecoloxista aposta pola creación de emprego para as persoas máis vulnerables con dificultades para acceder ao mercado laboral.

A formación constará de 48 horas, divididas en 8 módulos en liña e 16 módulos de prácticas presenciais, ao longo das cales se abordará o ciclo completo de xestión da fracción orgánica dos residuos. O de Carballo será o segundo curso que se levará a cabo en Galicia. O prazo de inscrición rematará o día 22 de setembro ás 14.00 horas.

As persoas que participen no curso de Carballo participarán en dúas xornadas prácticas que lles permitirán coñecer o proceso de compostaxe nas plantas de Lousame e Santiago.