Carballo | Socorristas e persoal de limpeza de praias fórmanse para protexer á píllara das dunas

1 minutes read
  • A sesión foi impartida un técnico do Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente.
  • Tamén se instalaron dous paneis informativos nas praias.

O Concello de Carballo segue avanzando na protección dunha especie tan sensible como a píllara das dunas, unha ave protexida que aniña nos areais carballeses. Con ese obxectivo, este venres celebrouse unha xornada formativa para o persoal dos servizos de salvamento e socorrismo e limpeza de praias de cara a contribuír á protección desta especie. A sesión foi impartida por Miguel Hermida, técnico do Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, quen confirmou que a presenza da píllara nas praias é «un símbolo de sustentabilidade». Hermida tamén aproveitou para resolver un tema que, ano tras ano, segue creando polémica: as algas. A súa resposta foi tallante afirmando que non son lixo e, polo tanto, non deben ser retiradas.

Despois da xornada impartida na base de Protección Civil, ata a que se achegaron tamén o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Servizos, Luis Lamas, o persoal municipal desprazouse ata o litoral para colocar dous grandes paneis informativos en Razo e en Baldaio para sensibilizar a toda a poboación sobre a necesidade de respectar certas normas para garantir a protección destas aves.