- Este xoves presenta 367 casos, e na residencia de maiores hai máis de 100 afectados
A comisión de seguimento da COVID-19 en Carballo abordou este xoves varias cuestións importantes: o elevado número de contaxios no concello, con especial preocupación polo gromo da residencia DomusVi; e o cumprimento por parte da poboación das restricións vixentes nestes momentos.
En canto á primeira cuestión, o municipio presenta a día de hoxe 367 casos activos, segundo o Sergas. Despois de acadar o pico máximo con 400 positivos o sábado pasado, a situación semella empezar a mellorar, pero continúa sendo moi preocupante. Por este motivo o alcalde, Evencio Ferrero, informou de que xa se ten solicitado á xerencia da Área Sanitaria A Coruña-Cee un cribado masivo na localidade.
Con respecto ao número de afectados, preocupa especialmente a residencia de maiores, na que xa se rexistraron máis de vinte falecementos e aínda hai máis de cen persoas afectadas pola COVID-19.
En canto ao outro tema central da xuntanza, tanto a Garda Civil coma a Policía Local indicaron que se están a realizar controis diarios do cumprimento das restricións vixentes por parte da poboación. Os principais incumprimentos detectados están relacionados cos peches perimetrais, motivo polo que a Policía Local leva tramitadas nos últimos días un total de 51 denuncias. En canto aos horarios de peche e ao toque de queda, por parte das forzas de seguridade destacouse que o comportamento da cidadanía é exemplar “agás en casos contados”.
Salvo que a situación aconselle realizar unha xuntanza con anterioridade, a comisión de seguimento da COVID-19 volverá a reunirse o 18 de febreiro, xusto un día despois do prazo fixado en principio por parte da Xunta de Galicia para manter vixentes as actuais restricións.