- A Xunta de Goberno Local tamén adxudicou obrsa de abastecemento e saneamento de auga a varios lugares da parroquia de Berdillo por 237.059,32 euros
A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou, na sesión ordinaria e telemática deste luns, dúas solicitudes de subvención á Xunta de Galicia para o obradoiro dual de emprego “Carballo Coida” e o programa de emprego de garantía xuvenil «Carballo entre fogóns». A primeira iniciativa está destinada á formación de 20 alumnos traballadores durante nove meses na especialidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, mentres que o segundo proxecto vai dirixido á doce mozos que poderán desenvolverse a súa actividade durante un ano na especialidade de Cociña. O investimento previsto polo Concello de Carballo nestes dous proxectos de formación e inserción laboral supera os 650.000 euros.
Ademais das solicitudes destas dúas subvencións, aprobadas fóra da orde do día, a Xunta de Goberno adxudicou á empresa Excavaciones y Obras Candal, por 237.059,32 euros, as obras de abastecemento e saneamento nos lugares de O Curro, O Aseñado, A Chavella, O Alto e A Redonda, na parroquia de Berdillo. O prazo de execución será de seis meses a partir da sinatura da acta de inicio.
En materia de contratación tamén se aprobaron os expedientes relativos ao proxecto de reurbanización da rúa Tarragona, que sairá á licitación por terceira vez cun orzamento de 65.200,11 euros, e ao Plan de mellora de camiños rurais, cofinanciado polo FEADER con 54.338,22 euros, e que ten un orzamento total de 69.094,36 euros. As actuacións previstas son o acondicionamento do camiño de Ferrol de Rus á estrada AC-400 e da vía de Ramil a Figueroa, en Sísamo.
O goberno municipal tamén deu luz verde a outras solicitudes de subvención para a adquisición de novidades editoriais para as bibliotecas municipais, 10.000 euros para manter o posto dun técnico municipal de animación sociocultural e 20.000 euros para o mantemento do Conservatorio Profesional de Música.