- A Xunta de Goberno Local tamén deu luz verde á convocatoria das axudas para a conciliación da vida familiar e laboral
A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou na sesión ordinaria deste luns a concesión de subvencións ás asociacións de empresarios e comerciantes para o desenvolvemento de actividades de promoción económica por un importe total de 63.943,44 euros. As axudas distribúense do seguinte xeito:
• Asociación As Eiroas de Empresarios e Propietarios do Polígono de Bértoa: 7.399,92 euros para visita institucional e servizo de recollida selectiva de cartón e plástico.
• Centro Comercial Aberto (CCA): 30.000 euros para a xerencia, promoción comercial e fidelización.
• Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober): 25.337,02 euros para actividades de difusión, formación, promoción e apoio ao tecido empresarial.
• Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Profesionais do Barrio da Milagrosa: 1.206,50 euros para a campaña “Ti mantesnos vivos”.
As entidades teñen de prazo ata o 15 de novembro para presentar a xustificación do gasto estipulado na resolución.
Fóra da orde do día tamén foi aprobada a convocatoria de axudas para a conciliación da vida familiar e laboral correspondente a este ano, por un importe máximo de 15.000 euros. Esta liña de subvención responde ao interese da Área de Igualdade e Benestar do Concello de Carballo por artellar políticas apropiadas para dar cobertura ás necesidades das familias con menores a seu cargo (de 3 a 12 anos, ou ata 16 cando os menores teñan recoñecida una discapacidade igual ou superior ao 33%) que precisen conciliar a súa vida laboral e familiar, sempre que non exista un recurso público que poida dar resposta ás necesidades da familia.
As axudas só se poderán recibir polos servizos contratados fóra dos centros escolares, e consistirán no reembolso do gasto realizado entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2021 en actividades como campamentos de verán, o coidado e transporte dos nenos e nenas por parte de escolas infantís ou similares naqueles colexios que non dispoñan do programa Concilia, o servizo de comedor por parte dunha entidade privada e as actividades extraescolares fóra do centro educativo sempre e cando non exista oferta por parte da ANPA ou outra entidade.
Poderán optar ás axudas de conciliación as familias empadroadas en Carballo cunha antigüidade mínima de seis meses, cuxos ingresos anuais non excedan as contías establecidas nas bases e sempre que exista incompatibilidade dos dous proxenitores para conciliar a súa vida familiar e laboral.
Outros acordos
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou facturas por importe de 27.926,83 euros, vaos, licenzas urbanísticas e o convenio de cooperación entre a Deputación da Coruña e os concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco e Ponteceso para regular o “Proxecto Anllóns”. O acordo terá unha vixencia de 4 anos, prorrogables por un máximo de 4 anos adicionais.
