- Ecovidrio instalou dous contedores rosas no municipio para fomentar a reciclaxe de envases de vidro e a prevención do cancro de mama
Por sexto ano consecutivo Ecovidrio pon en marcha a campaña ‘Recicla vidrio por ellas’, unha iniciativa que ten como obxectivo mobilizar aos cidadáns para reciclar envases de vidro para coidar do medioambiente e contribuír así cunha causa solidaria: a prevención do cancro de mama.
O concello de Carballo sumouse a esta proposta e durante as próximas semanas estarán instalados dous iglús rosas na Praza do Concello onde este martes o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Igualdade, Maica Ures: a presidenta da Xunta Local contra o Cancro, Ana Casais; e o xerente de Ecovidrio para a zona de Galicia e Asturias, Germán Fernández, presentaron a iniciativa con motivo do Día mundial contra o cancro de mama. Ecovidrio transformará os envases de vidro depositados nos contedores nunha doazón á Fundación Sandra Ibarra de Solidaridad Frente al Cáncer.
Nesta ocasión, a campaña estendeuse por máis de 170 cidades de todo o territorio nacional como Madrid, Sevilla, Valladolid, Murcia, Málaga ou Logroño, con 500 contedores rosas por todo o país.
Como símbolo da concienciación e solidariedade co cancro de mama, Agatha Ruiz de la Prada deseñou un miniglú especial para a ocasión, no que se destaca o lema da Fundación Sandra Ibarra: ‘Llenos de vida’. O miniglú poderase adquirir a través da web miniglú.es e os beneficios destinaranse á Fundación Sandra Ibarra para contribuír á prevención e investigación do cancro.