Carballo suspende todas as actividades municipais pola crise sanitaria do COVID-19

2 minutes read
  • A partir deste venres tamén se pecharán todos os edificios públicos

O Concello de Carballo acaba de facer público un comunicado no que se aclara que, debido á crise sanitaria creada polo COVID-19 ou coronavirus, quedan suspendidas as actividades municipais, e tamén se procederá ao peche dos edificios públicos.

Estas medidas lévanse a cabo baixo as recomendacións da Xunta de Galicia sobre a adopción de medidas preventivas que contribúan a frear a propagación do coronavirus entre a poboación. Por iso, o Concello tamén vai a suspender a partir do venres 13 de marzo todas as actividades educativas: Conservatorio Profesional de Música, Escola Oficial de Idiomas e Horto Infantil Ecolóxico Municipal.

Os cursos de formación que se imparten no Fórum Carballo quedan suxeitos ás indicacións da Xunta de Galicia e as actividades dirixidas organizadas polo Concello de Carballo quedan suspendidas desde este xoves 12 de marzo. A partir do venres, 13 todas as instalacións deportivas municipais permanecerán pechadas ao público.

En canto aos Servizos Sociais e Terceira Idade, as actividades previstas para este mes dentro do programa do Día da Muller quedan suspendidas e tampouco se celebrarán os bailes, nin ninguhna das actividades dirixidas a maiores. No caso do programa Concilia, establécense os mesmos criterios fixados pola Xunta de Galicia para os centros educativos; deste xeito, o venres 13 recoméndase ás familias que non o utilicen e a partir do luns 16 queda suspendido.

Tamén quedan suspendidas todas as actividades culturais. O Pazo da Cultura, as bibliotecas, a ludoteca, o Museo de Bergantiños e os centros sociais das parroquias permanecerán pechados ao público a partir do venres 13.

Todos os eventos turísticos organizados pola Concellaría de Promoción Económica quedan tamén en suspenso, á expensas de que a evolución da situación permita fixar novas datas de celebración: Festival Carballo Interplay, Carballo por Etapas, etc.

Con respecto ao medio ambiente, os programas de educación e sensibilización medioambiental previstos con motivo do Día da Árbore e do Día da Auga tamén se suspenden, do mesmo xeito que a posta en marcha do programa de recollida selectiva da quinta fracción “Ti tes a chave”.