O voceiro de Terra Galega en Carballo, Andrés Eirís Barca, emitiu un comunicado no que detalla os rogos e preguntas que lle trasladará ao Goberno local do BNG este luns no pleno deste mes de maio.
Eirís afirma que trala volta dos Consellos Parroquiais a maioría das peticións solicitadas polos veciños seguen a ser as mesmas. Necesidades básicas que seguen sen realizarse tal e como abastecemento-saneamento, puntos de luz, beirarrúas, recollida de lixo, acondicionamento de estradas e camiños, limpezas e outros servizos básicos.
O Goberno carballés só pon múltiples excusas, «que si a Xunta, a Deputación e as empresas non fan os deberes, non permiten actuacións, son moi lentos en contestar, non se pode modificar un contrato», afirma Eiris. Ademais roga prioridade e solucións as carencias na parroquia de Razo, dado que está o verán moi próximo, e na que aínda non se celebrou o Consello Parroquial, entre outras, son:
- Abastecemento e saneamento entorno as vinte vivendas nos Peados.
- Abastecemento e saneamento nas vivendas da entrada a Razo.
- Puntos de luz nos novos negocios ao carón da praia.
- Arranxos no paseo peonil de madeira, xa que é perigoso para os viandantes pola rotura, falta ou inestabilidade dos madeiros.
Terra Galega tamén preguntará sobre outros temas;
- O convenio colectivo de persoal laboral.
- O Programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos (PIREP) para entidades locais.
- Anteproxecto de rehabilitación enerxética da fachada do Concello.
- Nave industrial adicada a Brigada de obras e almacén.
- Utilización do galego por parte da Policía Local.
- Convocatoria do Consello Escolar Municipal.