Carballo | TeGa pide que se demostren as melloras comprometidas no ciclo integral da auga

Andrés Eiris Barca, portavoz de Terra Galega no Concello de Carballo_Cedida.

O portavoz de TeGa no Concello de Carballo, Andrés Eiris Barca, presentou unha notificación telemática por rexistro expoñendo que no pasado pleno do mes de xaneiro se aprobou a participación de Carballo nun proxecto de Gestagua para mellorar a eficiencia do ciclo urbano da auga.

Eirís afirma que unha vez lida a memoria o seu grupo non ten claro que a concesionaria do servizo público de xestión do ciclo integral da auga (Gestagua) realizara nos dous primeiros anos de contrato (adxudicouse no pleno do 26 de decembro de 2016) as melloras comprometidas na plica, por un lado a sectorización da rede de abastecemento e por outra banda a automatización do servizo por un importe total de 1.001.558,67 €.

Polo tanto, solicítalle ao Sr. Alcalde, Evencio Ferrero, que polo medio que considere, demostre que ditas melloras están executadas. TeGa propón unha reunión cos grupos políticos da corporación interesados, cun responsable da concesionaria do servizo do ciclo integral da auga (Gestagua), cun responsable da empresa que realiza a inspección e auditoria do servizo (Lagares Oca SL), co técnico municipal supervisor do contrato e co responsable municipal do contrato o Sr. Lamas Álvarez, concelleiro delegado de obras e servizos.