- Dita unidade debería contar con medios e persoal cualificado en deporte e nutrición
O grupo Terra Galega rexistrou unha moción para o seu debate e aprobación no próximo pleno ordinario que se realice no Concello de Carballo en relación á creación dunha unidade de prescrición do exercicio físico e nutrición no centro de saúde carballés.
O portavoz da formación, Andrés Eirís Barca, sinala que desde o goberno local se están facendo cousas de xeito «incongruente» xa que mentres a pasada fin de semana tiña lugar o 8º congreso de Cidades que Camiñan, o BNG local iniciara unha recollida de firmas para trasladar á Xunta a necesidade dun segundo centro de saúde para o municipio. «Se mellora a saúde das persoas deberían baixar as visitas ao centro médico e demandar outro é dar unha mensaxe completamente equívoca, onde non cren o que pretenden fomentar», destaca Eirís. Tamén afirma que os médicos «non están capacitados para prescribir exercicio
físico e nas historias clínicas son escasos os rexistros que hai sobre actividade física».
Por este motivo, no vindeiro pleno solicitarán que o Concello, en colaboración do centro de saúde, cree esa unidade de exercicio físico, dotando á mesma de persoal e medios para lograr os obxectivos. Desde Terra Galega tamén apostan por desenvolver un programa físico onde «a actividade principal sexa camiñar pero fundamentada nos principios do adestramento deprotivo» ante o aumento do número de pacientes con hipertensión, enfermidades cardiovasculares e obesidade, entre outros.