- As demandas que está a recibir o Concello recolleranse nun mapa de necesidades que se trasladará á compañía autorizada para dar o servizo
O plan de despregue de Telefónica prevé dotar de cobertura de fibra óptica a máis de 2.300 vivendas do concello de Carballo antes do ano 2022 xa que, nestes momentos, trátase dun dos municipios galegos cunha rede máis extensa, abranguendo o 85% do territorio.
Por parte da compañía existe boa disposición a seguir ampliando a rede en función da demanda, e neste sentido o Concello de Carballo está facendo un labor de canalización das necesidades coa creación dun mapa das mesmas, pois nos últimos días están a recibir numerosas solicitudes, que será entregado á empresa.
Desde a Administración local recalcan que non prestarán directamente o servizo de telecomunicacións nin farán demandas individualizadas ante o operador telefónico, senón propostas de actuación nas zonas con máis deficiencias.