Carballo ten en marcha obras de aglomerado por case un millón de euros

1 minutes read
  • Aos proxectos financiados polo concello súmase o que está executando a Deputación na vía da Feira de Berdillo ao Moucho

O concello de Carballo ten en marcha varias obras de aglomerado nas vías de titularidade municipal por case un millón de euros. En concreto son cinco os proxectos que unen parroquias ou núcleos rurais importantes: catro deles están financiados polo concello e o quinto pola Deputación da Coruña.

Entre as diferentes actuacións atópanse a ampliación da vía de Paradela a Prearada (Sofán) e a renovación da vía de Xoane e Piñero (Goiáns); ambas pendentes da sinalización. A nova estrada entre Xamozo (Artes) e Santa María (Artes) tamén é unha realidade e, ademais das obras de mellora viaria, o proxecto inclúe unha rede de aguas pluviais e drenaxe. A sinalización será o último paso.

Outra das vías de titularidade municipal en marcha é a que une A Canosa con Pereiro Vello (Rus-Entrecruces) que, neste caso, foi adxudicada por máis de 235.000 á empresa Arias Infraestructuras. Os traballos inclúen a instalación da rede de abastecemento de auga aos lugares da Canosa, Braña de Abaixo e Braña de Arriba.

O último proxecto é o que está realizando a Deputación da Coruña entre a Feira de Berdillo-O Moucho (Artes-Berdillo), que conta con obras de mellora da seguridade viaria e a pavimentación dun tramo da calzada.