Carballo ten en marcha proxectos de obras viarias por 1,3 millóns de euros

2 minutes read

O Concello ten en marcha nestes momentos sete proxectos de obras viarias, dúas delas están practicamente rematadas tras un investimento próximo aos 50.000 euros: a reurbanización da rúa Lugo, na zona urbana dos Baños Vellos, e o acceso ao centro social da parroquia de Lema.

A próxima en comezar será, con toda probabilidade, a reurbanización da rúa Estrela, que completará as actuacións incluídas no plan director da contorna do balneario. Este último proxecto abrangue dende o entronque coa rúa Perú ata a intersección con Vázquez de Parga, incluíndo a resolución do cruzamento coa rúa Baños Vellos. O obxectivo principal das obras, que teñen un orzamento de 208.242,66 euros, e a renovación de instalacións e infraestruturas urbanas, resolvendo as deficiencias dos servizos urbanísticos existentes, a renovación de pavimentos e bases e a adopción de medidas para a accesibilidade universal e a seguridade viaria. Neste momento están en fase de avaliación as ofertas presentadas polas empresas interesadas en levar a cabo os traballos.

O 12 deste mes rematará tamén o prazo de presentación de ofertas para outros dous proxectos viarios na zona urbana. Por unha banda está previsto acometer a reurbanización das rúas Labarta Pose, Manuel Murguía, Ramón Otero Pedrayo e Antón Fraguas, situadas na contorna do CEIP Bergantiños e o complexo deportivo Carballo Calero. O investimento acada os 255.955,40 euros, e inclúe a instalación ou renovación dos servizos urbanísticos, ademais da creación dun itinerario peonil accesible, unha pequena zona verde dotada de céspede e a plantación de 38 árbores.

O outro proxecto que está en licitación tamén ten como obxectivo a mellora da accesibilidade peonil no barrio das Flores (rúas Papoulas, Xeranios, Mirtos, Camelias, Xasmíns, Lirios, Xestas e Begonias) e noutras rúas urbanas: Perú, Muíño, Gran Vía, Uruguai, Brasil, Arxentina e Igrexa. En total realizaranse 124 actuacións de ampliación ou adaptación de beirarrúas, similares ás executadas noutros barrios, cun orzamento de 287.071,81 euros.

Nos vindeiros días tamén sairán a contratación outros dous proxectos, aprobados esta mesma semana pola Xunta de Goberno Local, que consistirán na mellora da capa de rodaxe con aglomerado de dúas vías rurais: dende As Labradas (Carballo) ata A Ponte de Bértoa, cun orzamento de 142.639,07 euros, e dende Bolón (Sofán) ata Vilar de Francos (Artes), por 225.140,47 euros.