Carballo terá en 2022 un innovador parque comercial


Este venres tivo lugar en Carballo a presentación ante os medios de comunicación do proxecto do Parque Comercial e de Lecer “A Revolta”. O evento celebrouse, tal e como estaba convocado, no edificio de hostalería do Fórum Carballo. No acto interviñeron, Juan Vilariño Pena, administrador da sociedade promotora, Pablo Gómez Polín, xerente e coordinador do proxecto, e pechou o mesmo Evencio Ferrero, alcalde de Carballo. Ademais tamén estiveron presentes os demais socios e, segundo Vilariño, “alicerces fundamentais” da empresa promotora, Ramón Regueira e un representante de Manuel Añón. Por parte do Concello de Carballo tamén asistiu a concelleira de Planificación, Estratexia Urbana e Contratación, Milagros Lantes e o concelleiro de Obras e Servizos, Lois Lamas.

A Revolta Parque Comercial, está previsto que comece a rodar no Nadal do ano 2022, estará situado entre Carballo e Coristanco, paralelamente á estrada comarcal AC-552, na coñecida como Agra do Formigoso, próximo ao lugar da Revolta e a menos de 800 metros do centro de Carballo. Un emprazamento situado sobre unha parcela de máis de 48.000 metros cadrados perfectamente accesible e comunicada. Poderase acceder a pé ou en bicicleta dado que incorpora unha senda peonil e ciclista, en coche en taxi ou en autobús (levará unha parada propia para estes servizos públicos).

O proxecto ofrecerá unha experiencia diferencial de compra, reunión e lecer, con máis de 11.000 metros de sala de vendas, 431 prazas de aparcamento gratuíto e máis de 7.000 metros cadrados de zonas verdes. O centro presentará unha oferta baseada en tendas experienciales que ofrecerán produtos de primeiras marcas nacionais e internacionais, cun concepto adaptado ás novas tecnoloxías, prezos altamente competitivos e plataforma propia de venda online. Estará complementado con tres espazos de restauración afíns aos gustos tradicionais máis variados, cafetería, restaurante e terraza temática.

O investimento previsto supera os 21 millóns de euros, podendo chegar a crear máis de 500 postos de traballo directos nas súas fases de construción e explotación. Cabe destacar a sustentabilidade do proxecto, con iluminación 100×100 led, máis de 190 árbores de nova plantación, sistemas de regulación de consumos de auga e unha xestión integrada de residuos.