Carballo | Terra Galega pide eliminar os bolardos e instalar videocámaras de control

Andrés Eiris Barca, portavoz de Terra Galega no Concello de Carballo_Cedida.

Terra Galega de Carballo, a través do seu portavoz municipal, Andrés Eirís, presentou unha moción por rexistro, para a súa inclusión no próximo pleno, para que o Concello carballés proceda á retirada dos bolardos nas rúas do centro, explicando que o BNG instalou as barreiras en Desiderio Varela, Colón e Jacinto Amigo Lera, para impedir o paso de vehículos.

(Tamén ían no proxecto de reurbanización da rúa Concepción Arenal, pero finalmente desapareceron polas “presións” dos taxistas), aseguran.

Desde a formación centrista afirman que lonxe de ser a «solución» é un «problema», dado que hai colisións con frecuencia, «ben por un mal funcionamento dos bolardos, ou por coches que tentan coarse detrás doutros autorizados». Ademais, afirman que son un obstáculo para persoas con limitacións visuais ou mobilidade reducida. Por iso, piden a súa retirada e propoñen a instalación de videocámaras de control. Segundo afirma TeGa, algo moito máis efectivo e seguro.

«Non entendemos que un Concello que forma parte da asociación redes que camiñan, que ten un compromiso coa mellora do espazo público como lugar para camiñar como conceptos como accesibilidade universal, movilidade sostible e seguridade viaria deberían ser piares básicos, non ten unha mellor solución que as pilonas retráctiles», sentenciou Eirís.