- Continúan con moi boa acollida as campañas a pé de rúa mentres que o número de familias adheridas vai en aumento
En menos dun mes, o Concello de Carballo enviou á planta de compostaxe de Sogama 11.100 quilos de residuos orgánicos recollidos nos colectores do programa “Ti tes a chave”. Sen dúbida unha boa noticia que se une á gran acollida das campañas a pé de rúa en feiras e mercados, así como ó aumento de familias adheridas, que xa supera as 800, e ás que se suman tamén máis de 100 grandes produtores.
O alcalde, Evencio Ferrero, expresou a satisfacción do goberno municipal coa resposta da veciñanza, á que animou a seguir apostando por un sistema que contribúe á redución das emisións de CO2, garante un fertilizante de calidade coa recuperación dunha práctica tradicional do rural galego e reduce os custos do servizo de recollida de lixo.
As persoas que queiran sumarse poden dirixirse ao posto das feiras ou á oficina de Carballo Limpo (galerías da rúa Desiderio Varela, 34) en horario de 10:00 a 14:00.